Marín celebrará o fin de curso escolar cunha festa no centro da vila
Por Redacción
As rúas Real, Sol e a Alameda acollerán o próximo 16 de xuño a gran festa de fin de curso escolar que promove o Concello de Marín.
As actividades, que terán lugar entre as 16.30 e as 21.00 horas, terán como eixo principal un tobogán de auga de 50 metros que estará instalado en toda a rúa Real, tendo o seu punto inicial nas escalinatas da torre do Templo Antigo.
O tobogán estará acompañado de escuma e dunha festa amenizada por un DJ.
Xunto co tobogán, no resto das rúas haberá un touro mecánico, inchables, unha ludoteca, xogos tradicionais ou un circuíto de educación viaria.
O Concello pretende que este tipo de eventos se convertan nunha cita tradicional, aproveitando o remate do curso escolar para dinamizar o municipio.