A Deputación ve "escandaloso" que a RAE recomende o uso de "Sangenjo"
Por Alejandro Espiño
O deputado Xosé Leal, responsable de Cultura no goberno provincial, considera "escandaloso" que a Real Academia Española (RAE) estea a recomendar o uso de "Sangenjo" para referirse ao municipio pontevedrés de Sanxenxo, ao entender que se trata dunha grafía "incorrecta" e que este topónimo "está fóra dos usos oficiais".
A polémica parte dunha serie de respostas que a RAE fixo nas últimas horas, a través da súa conta de Twitter, a usuarios que preguntaban sobre a denominación correcta deste topónimo. O organismo insistiu en que en español debe utilizarse a grafía "Sangenjo".
#RAEconsultas Este topónimo tiene en español la grafía «Sangenjo».
— RAE (@RAEinforma) 6 de junio de 2018
#RAEconsultas Fuera de usos oficiales, en español se recomienda usar la forma tradicional española del topónimo, que es «Sangenjo».
— RAE (@RAEinforma) 6 de junio de 2018
#RAEconsultas La grafía tradicional en castellano es «Sangenjo», que no es traducción del gallego «Sanxenxo», sino su adaptación grafofonológica a la ortografía del español.
— RAE (@RAEinforma) 6 de junio de 2018
Para Leal, o de Sanxenxo "non é unha cuestión de grafía senón de respecto". O deputado do BNG asegura que "parece mentira" que unha institución de "gran calado científico" como a RAE "xere este tipo de polémicas tan negativas e que lle fan un fraco favor á lingua".
A "desafortunada" recomendación da RAE, segundo o responsable de Cultura, "choca co propio labor científico que se lle presupón a unha institución de tanto arraigo".
A RAE, como organismo oficial, engadiu Xosé Leal, debe rexerse polo uso oficial dun topónimo "sexa do lugar que sexa", defendendo a súa forma oficial, preservándoa e mesmo recomendándoa.
O deputado contrapuxo esta postura co traballo "rigoroso" realizado pola RAG para recuperar, estudar e poñer en valor a toponimia do país.
A este respecto, o goberno provincial considera que a Xunta de Galicia debería solicitar unha rectificación formal da RAE por ir en contra do nomenclátor aprobado oficialmente pola administración autonómica.
Relacionadas:
-
Guerra entre academias: a RAE prefire Sangenjo e a RAG lembra que a única forma oficial é Sanxenxo
Por Natalia Puga |
-
Fomento emplea no seu web "Sanjenjo", "El Grove" ou "Bayona", segundo denuncia En Marea
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy, fin de ano en Sanxenxo, con polémica en Twitter incorporada
Por Redacción |