Os concellos do interior da provincia reclaman máis presenza na promoción turística
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra acolleu este mércores unha xuntanza extraordinaria da Mesa de Turismo, na que se constituíu de forma oficial, e na que se aprobaron o seu regulamento de funcionamento e as alegacións presentadas ao mesmo, dun xeito unánime por todos os seus integrantes.
A mesa provincial de turismo foi creada ao amparo do Plan Estratéxico que fixou as liñas mestras da actuación da Deputación neste sector e está conformada polo Clúster de Turismo de Galicia, Federación Provincial de Hostaleira; Turismo de Galicia (Xunta de Galicia), aeroporto de Peinador, GDR Pontevedra Norte, GAL Ría de Arousa, GDR Baixo Miño, Ruta do Viño Rías Baixas, os centros de ensino Manuel Antonio e Carlos Oroza, e os concellos de Pontevedra, Vigo, Baiona e A Guarda.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva subliñou que só se presentaron tres alegacións ao regulamento de funcionamento. Unha delas para a participación do Porto de Vigo e foi aprobado, por unanimidade, que sexa invitado cada vez que vaian abordarse aspectos de turismo náutico; outra para a participación da asociación de hostaleiros de Pontevedra, que considerouse que participará na mesa; en terceiro, lugar existía a demanda dos concellos do interior de participar tamén na promoción.
A este respecto Silva subliñou "que aprobouse sumar á promoción ademais do habitual 'Rías Baixas', unha marca consolidada no tempo e moi coñecida, a de 'Pontevedra Provincia', que abarca máis que o contido tradicional da marca de Rías Baixas".
Posteriormente a presidenta da Deputación presentou un informe sobre as actuacións que está levando a institución provincial na promoción e difusión, como foron as distintas presentacións do destino a nivel nacional e internacional. Amais Silva informou os presentes sobre as dúas iniciativas vinculadas a comercialización e á promoción on-line, dentro do proxecto "Turis-Tic", para o uso das novas tecnoloxías no sector turístico.
Por outra parte, a directora do aeroporto de Vigo, Ana Molés, incidiu na necesidade de promoción da provincia nos destinos cos que existen conexións aéreas.
Tamén a mesa aceptou a proposta do Clúster de Turismo de acompañar a promoción en destino que fai a Deputación coa participación do propio sector privado mediante a celebración de "workshops". Silva xa anunciou que nas promocións en Barcelona e Lisboa, que son as dúas próximas citas da institución provincial para a presentación do destino, participe xa o sector privado.
Por último, Carmela Silva subliñou que a próxima Mesa do Camiño convocada para o próximo día 14 se volva a incidir na necesidade de promocionar e sinalizar as distintas rutas xacobeas o seu paso pola provincia de Pontevedra "sumando sinerxias entre todos".