Un aparatoso incendio iniciado nun coche nun garaxe obriga a desaloxar un edificio de Marín
Por Diego Espiño & Natalia Puga
Efectivos dos bombeiros de Pontevedra e O Morrazo participaron este mércores na extinción dun incendio que se iniciou nun coche aparcado nun garaxe subterráneo de Marín e obrigou a desaloxar un bloque dun edificio de vivendas.
As tarefas de extinción implicaron a tres vehículos de ambos os corpos de extinción de incendios. Segundo explicou o cabo Carlos Montero, xefe de quenda dos bombeiros do Morrazo, o incendio deixou totalmente calcinado o vehículo no que comezou e afectou a un segundo coche. Ademais, houbo moita carga térmica que provocou que toda a placa de formigón da planta menos un vísese afectada e quedaseno chan.
O operativo de extinción activouse ás 9.30 horas deste mércores tras a chamada ao 112 Galicia dun particular que vía saír fume da cocheira do número 118 da Rúa Jaime Janer
A extinción puido realizarse con rapidez porque os veciños mostráronlles un acceso alternativo á planta menos dúas do garaxe a través da parte de atrás e, unha vez dentro, coa axuda dunha cámara térmica, localizaron o vehículo que estaba a arder.
Unha vez extinguidas as lapas , foi necesario realizar tarefas de ventilación. Para iso, abriuse a parte superior do garaxe e se ventilaron os gases do resto do inmoble.
Á chegada dos bombeiros os veciños e a Policía Local xa empezaran a desaloxar un bloque do edificio número 118. Ese bloque houbo que baleiralo de xente, pero non foi necesario tomar esa medida no contiguo, pois constatouseque non había concentración de gases. Si se avisou aos veciños para que permanecesen nas súas plantas.