Gonzalo Pita sobre o pacto co PP: "Está constatado que foi unha decisión moi acertada"
Por Oskar Viéitez
O goberno bipartito de Sanxenxo, conformado polo Partido Popular e SAL, fixo un balance do primeiro ano á fronte do Concello
O alcalde Telmo Martín compareceu en rolda de prensa acompañado dos 11 concelleiros que forman o goberno local cedendo a primeira quenda de palabra ao "artífice de que se asinase este pacto tan bo" o tenente de alcalde, Gonzalo Pita.
Pita presumiu unha lista de investimentos xa coñecidos "que rolda os dez millóns de euros" e sinalou que "o tempo é o que quita e dá razóns" respecto da "decisión moi complicada" que tomou SAL ao "dar un paso ao carón en prol do interese xeral" algo que a día de hoxe "está constatado que foi unha decisión moi acertada".
Entre outros logros, Gonzalo Pita sinalou que o pacto conseguiu "estabilidade" reflectida na aprobación de dous orzamentos (2017 e 2018) en cinco meses. Entre os froitos da xestión do bipartito citou a redución da débeda respecto ao anterior mandato, a mellora da limpeza, estacionamento e da seguridade cidadá.
Pita resumiu que o goberno local de Sanxenxo está "composto por persoas sensatas que cando hai diferenzas de criterio, e hainas a miúdo, sentámonos a falar".
Telmo Martín centrouse nos acordos que recolle a firma do pacto que están "practicamente rematados" como son o aparcadoiro da Praza do Mar, os semáforos do paso das Salinas ou o parque empresarial de Nantes. E para "próximas adxudicacións" están a terceira fase da PO-308 de Major a Canelas, a rexeneración da praia da Carabuxeira, o Pazo de Quintáns, a humanización da rúa Progreso, o centro sociocultural e o colexio de Vilalonga.
Outros proxectos "máis delicados" que, segundo Telmo Martín, "teñen algún trámite pendente" pero que "van saír adiante antes das próximas eleccións" como son o campo de Gondar, o campo de futbol de Dorrón, o campo de festas de Bordóns e "o proxecto estrela" que é o Porto de Portonovo para o que espera asinar unha "folla de ruta" antes de acabar o mandato.
PRÓXIMAS ELECCIÓNS
Para as próximas eleccións municipais de maio de 2018, nin Gonzalo Pita nin Telmo Martín quixeron desvelar se SAE fusionarase co PP e os tres concelleiros da agrupación liberal formarán parte da lista popular. "Xa se verá o que cada un quere facer coa súa vida", dixo Telmo Martín recoñecendo que non lle gustan "os gobernos con moitos partidos no poder".