O atrio do mosteiro de Poio engalánase polo Corpus
Por Redacción
Sesenta días despois do domingo de Pascua celébrase a festa do Corpus Christi, unha celebración nada no século XIII cun carácter aleccionador que chegou ata os nosos días na súa versión máis lúdica na que se inclúen a creación dunhas efémeras obras de arte como son as alfombras florais.
O atrio do mosteiro de Poio foi un deses enclaves relixiosos que se engalanaron con motivo do Corpus Christi. A deste ano foi unha xornada especial xa que a parroquia de San Xoán de Poio, de gran riqueza histórica e arraigadas tradicións, vive neste 2018 o Ano Xubilar Mercedario, concedido polo Papa Francisco, como motivo do VIII Centenario da Orde Mercedaria.
O párroco de San Xoán de Poio, o pai Iñaki, mercedario, sinalou que "no mosteiro estamos poucos mercedarios para conmemorar a historia da nosa Orde nos seus 800 anos" por iso agradeceu a participación dos fregueses. Singularmente a daqueles que confeccionaron as alfombras nas que brillaron os motivos mercedarios.
A súa tarefa complicouse debido aos elementos climáticos. Eles, nun esforzo desinteresado, recompilaron árnica, pampullo, carrasco, margarida, sementes e lentellas. O sábado, deseñouse no campillo o percorrido da florida alfombra. Ás nove da noite, comezaban, entre todos, a florear o recinto procesional. Traballaron ata a madrugada, recibindo durante a tarefa os ánimos do alcalde, Luciano Sobral.
Á mañá seguinte, numerosos fregueses acudiron á celebración da Eucaristía, seguida da tradicional procesión, acompañada de grupo de gaiteiros.
O párroco, emocionado de tan gran participación, quixo transmitir o seu máis sincero agradecemento "aos grupos matrimoniais, aos mozos, a todos, polos seus desvelos e labor desinteresado". E expresou o seu desexo de que nunca desapareza esta ilusión "celebrar, unidos, esta tradición tan sentida e significativa. A unidade, respectándose, une e crean vínculos de sincera convivencia, de cristiá amizade".