Multa de 6.000 euros para o director dun centro de enfermos de alzheimer por abusar dunha empregada
Por Natalia Puga
O director dun centro de día de enfermos de alzheimer de Pontevedra foi condenado ao pago dunha multa de 6.000 euros como autor dun delito de abusos sexuais por propasarse cunha traballadora.
O home foi condenado polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra e, tras presentar el un recurso á sentenza, o fallo inicial acaba de ser confirmado pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Os feitos que se consideran probados e que lle valeron unha condena sucederon no ano 2017, mentres o condenado era director do centro de día e a súa vítima traballadora. Ela empezou a traballar en abril e os primeiros episodios reprochables producíronse desde o mes seguinte, maio.
O director, "co propósito de satisfacer o seu apetito sexual e aproveitándose do seu cargo", comezou a abrazala e bicala na fazula cando se atopaban sós no centro a primeiras horas da mañá. En xuño foi a máis e o día 19 non só abrazouna, senón que tamén a bicou nos beizos, polo que ela apartouno bruscamente e díxolle "¿qué haces? En los labios no".
O acusado desatendeu a petición da moza e abrazouna de novo á vez que lle pedía que lle dese un piquito pequeno, ao que ela negouse e foise. Ao marchar, o acusado deulle unha palmada no traseiro. Os feitos non quedaron aí, senón que, ao día seguinte, volveu abrazar e deulle varias palmadas no cu. A traballadora acabou marchándose do centro.
O condenado recorreu a sentenza inicial alegando que a xuíza do Penal 3 incorreu en "erro na valoración da proba ao consignar os feitos probados da súa sentenza". Ao revisar a sentenza, a Audiencia confirma o seu fallo e, ademais, insiste en que o relato da xuíza "presúmese imparcial" e "especifica unha conduta que contén todos os elementos esenciais do tipo polo que se condena".
A Audiencia argumenta que a xuíza inicial describe a conduta do condenado como atentatoria á liberta sexual da denunciante, con suficiente intensidade como para constituír o delito polo que foi condenado, e sen que poida entenderse que os feitos que se relatan no apartado de feitos probados poidan subsumirse nunha falta de vexación inxusta tal e como pide a defensa do acusado. Esa falta está despenalizada na actualidade.