Condenado por lesionar á súa parella ao tentar impedir que marchara da casa sen darlle un bico
Por Natalia Puga
Un pontevedrés foi condenado a nove meses de prisión como autor dun delito de lesións leves no ámbito da violencia contra a muller cometido no domicilio da súa parella sentimental cando ela tentaba irse de casa e el tratou de impedilo agarrándoa e facéndoa caer ao chan nas escaleiras para impedir que se fose sen darlle un bico.
Os feitos ocorreron o 7 de maio de 2017 na casa da moza. A sentenza considera probado que a parella mantivo unha discusión o día anterior e, cando ese día ela volveu a casa, el recriminoulle: "me cago en Dios. Que fas? Estou aquí para estar contigo".
A continuación, arrastrouna ata tirala sobre a cama do dormitorio, aínda que nese momento non chegou a causarlle ningunha lesión e ela logrou zafarse e refuxiarse no cuarto de baño. A súa parella seguiuna ata alí e ambos permaneceron nesa estancia un intre mentres el tentaba convencela de que non se fose de casa. Durante ese tempo, chegou a forcexear con ela, que reaccionou rompéndolle a el a camiseta.
Cando finalmente ela saíu do baño porque ten que ir buscar á súa filla, el pídelle que non se vaia sen darlle un bico e agárraa pola pernera do pantalón para impedir que se vaia. Segundo a sentenza, trata de impedilo "trabándoa e facéndoa caer ao chan nas escaleiras da casa".
Nese caída, ela sufriu lesións, en concreto, un hematoma no antebrazo esquerdo e contusión en coxa dereita, que non lle deixaron lesións. En todo caso, a moza renunciou expresamente a calquera tipo de indemnización por estes feitos.
Por estes feitos, foi condenado a nove meses de prisión, dous anos e un día de privación do dereito á tenencia e porte de armas e con medidas de protección da vítima. En concreto, prohíbeselle aproximarse a unha distancia inferior de 200 metros dela ou o seu domicilio, lugar de traballo e lugares que frecuente durante dous anos e comunicarse con ela por calquera medio de forma directa ou a través de terceiras persoas durante o mesmo tempo.
O home foi xulgado e condenado polo Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, pero recorreu a sentenza ante a Audiencia Provincial alegando que se vulnerou o seu dereito á presunción de inocencia ao non practicarse durante o xuízo proba de cargo bastante para acreditar a súa culpabilidade, así como un erro do xuíz na valoración da proba.
Tanto o fiscal como a defensa da vítima opuxéronse a ese recurso, no que o acusado pedía a súa absolución, pero finalmente a Sección Cuarta da Audiencia confirmou a sentenza e a condena.