Sábado de Troula Inclán
Por Redacción & Diego Torrado
O festival Troula Inclán chegou este sábado á súa cuarta edición na praza de Méndez Núñez reeditando o éxito de público e bo ambiente de anos anteriores.
O festival, que impulsan os locais de hostalería da zona xunto co Centro Comercial Urbano Zona Monumental e o Concello de Pontevedra, estivo amenizado por músicos locais durante toda a xornada.
A actividade comezou ás 13.00 horas cunha sesión vermú coa actuación de Ghalos de curral, degustación de petiscos, cata de vermú e unha paella popular. Xa a partir das cinco da tarde chegaron os talleres para nenos 'Hoxe mercamos nós', maquillaxe de fantasía, tatuaxes de purpurina e globofexia.
A partir da seis da tarde foi a quenda dos concertos, que protagonizaron Desconcerto, Guateque (Juan e Xito), Adrián Torres e La Pistola del Manco.
O Centro Comercial Zona Monumental promoveu parte das actividades do festival dentro do programa Xuño Monumental, que poñen en marcha os comerciantes do centro histórico de Pontevedra para dinamizar a actividade económica neste ámbito urbano antes de que cheguen as tradicionais rebaixas de verán.
A próxima actividade será o venres 8 de xuño. En Curros Enríquez (de 17.30 a 19.30 horas) haberá xogos musicais, coreografías e un obradoiro de zumba; e na praza da Verdura (18.00 a 19.30 horas) terá lugar un obradoiro de bonecos de papel.