Ponte Caldelas selecciona esta semana ao terceiro dos socorristas que contratará este verán
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de abrir o proceso para rematar a contratación dos tres socorristas que se encargarán da seguridade da praia fluvial da Calzada durante o verán.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o proceso culminará esta semana próxima, pois dous xa foron contratados a través dos servizos públicos de emprego e agora ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a selección do terceiro.
O prazo ábrese durante cinco días hábiles (de luns a venres). As persoas interesadas deben presentarse no Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas para encher o formulario de solicitudes e presentar a documentación necesaria. Pode consultarse xa previamente na sede electrónica e no taboleiro de anuncios municipal.
A oferta pública de emprego temporal establece como requisitos a esixir contar coa titulación de socorrista acuático e estar inscrito no rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia.
Ponte Caldelas amplía este ano o período de contratación a tres meses e os oito días de vacacións (vixencia entre o 15 de xuño e o 22 de setembro), co que agarda superar as dificultades xurdidas o ano pasado neste e en moitos concellos galegos. O salario asignado é o correspondente ao convenio de instalacións deportivas e ximnasios de Galicia.