Os gardacostas requisaron 310 quilos de peixe e marisco nas rías de Pontevedra e Arousa
Por Redacción
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 210 quilos de peixe e marisco, 26 útiles e 900 metros de artes de enmalle na Ría de Arousa e outros preto de 100 quilos de marisco e oito útiles na Ría de Pontevedra.
Segundo informou a Consellería do Mar, as intervencións realizáronse en diferentes controis realizados nos últimos días e en todo o litoral de Galicia colleron máis de 470 quilos de peixe e marisco, 154 útiles de pesca e 1.250 metros de artes de enmalle.
A Ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis comisos. Alí os axentes requisaron máis de 210 quilos de peixe e marisco, 26 útiles e 900 metros de artes de enmalle.
Un dos controis máis destacados foi no porto de San Xulián, na Illa de Arousa, e saldouse co comiso de 52 quilos de centola, máis de 14 quilos de nécora, máis de catro quilos de ameixa babosa e dous quilos de berberecho. A maioría desta mercadoría estaba en 10 viveiros que tamén incautaron os axentes, debido a que estaban sen identificar.
Na Ría de Pontevedra, os axentes comisaron preto de 100 quilos de marisco e oito útiles. A maioría do marisco foi requisado nun control realizado en Sanxenxo, no que os axentes se aprehenderon de máis de 90 quilos de centola, máis de seis quilos de nécora e preto de tres quilos de lumbrigante. Neste control tamén incautaron cinco nasas e 300 metros de trasmallos.
A maiores, en diferentes inspeccións na ría de Vigo comisaron máis de seis quilos de peixe e marisco e 150 metros de artes de enmalle.