O Grove denuncia que Portos de Galicia lle reclama 15.000 euros para poder celebrar as Festas do Carme no porto
Por Redacción
O Concello do Grove deu a coñecer este sábado que a entidade pública Portos de Galicia lle reclama este ano 15.000 euros para poder celebrar as Festas do Carme no porto e considera que con esta forma de actuar e con requirimentos "esperpénticos" para a celebración das festas está a declarar a "guerra aberta" ao goberno local.
Segundo critica o Concello a través dun comunicado, realizaron a solicitude habitual de ocupación dos terreos tal e como se leva facendo dende hai moitos anos e, en resposta, Portos remitiu un longo escrito de requirimentos de documentación e garantías que en nada se parece ao solicitado en anos anteriores.
Entre outras cuestións, Portos estima que o custo de ocupación da zona nos días que se celebren as Festas do Carme suporía 15.000 euros para as arcas municipais. A este feito engádeselle a esixencia dun depósito de garantía previo de 9.000 euros que o Concello tería que depositar en Portos (no caso de que o Concello do Grove demostre que é unha entidade pública, esta garantía podería bonificarse ou eliminarse).
Ademais, o organismo dependente da Xunta de Galicia require que o Concello subscriba un seguro específico para a celebración do evento a maiores dos seguros que xa ten o Concello para as súas actividades cunha garantía que teña como contía mínima 750.000 euros.
En opinión do alcalde, José Cacabelos, todas estas cuestións manifestan unha forma de actuar por parte de Portos de Galicia "totalmente esperpéntica, partidista e interesada", de modo que esixe a dimisión do presidente de Portos e solicita á Xunta de Galicia que "se dote de cordura e racionalidade a esta entidade".
O Concello do Grove indica que, a pesares dos impedimentos de Portos, as Festas do Carme celebraranse como se vén facendo dende sempre e farase no porto.