Un proxecto efémero permitirá que a praza de Ourense viva un "día de praia"
Por Redacción
"Día de la Playa", o proxecto presentado polos mexicanos Adriana Carlos e Mitchell Lorberau, é o gañador do concurso Experimenta Pontevedra, galardón que se entregará con motivo do I Festival de Deseño Urbano, que terá lugar na cidade do 21 ao 24 de xuño.
A instalación formará parte da exposición de arquitectura efémera do festival. Instalarase na praza de Ourense, tocando coa rúa Benito Corbal, e busca aproveitar o espazo urbano como zona de lecer e descanso.
O xurado, reunido este venres no Concello, valorou os 17 proxectos presentados. Ademais de elixir a instalación gañadora outorgou dúas mencións ás propostas "A estrada das peneiras" de María Dolores Hernáez e colaboradores (Madrid) e "Laberinto" do Estudio ACA, Alfonso Cort (Madrid).
Entre os proxectos presentados ao concurso había tres proxectos locais, outros chegados de distintos puntos de Galicia como Santiago, A Coruña e Ourense e do resto do país como Madrid, Valencia ou Ponferrada. Un, o que resultou gañador, veu doutro lado do Atlántico.
A mostra de arquitectura efémera Experimenta Pontevedra terá, ademais da gañadora do concurso, outras tres que están en proceso de creación.
A encargada a un despacho de arquitectura-urbanismo local que está en mans de Xoán Anleu e estará na praza de Santa María; a encargada a un equipo de ámbito estatal está en mans de CUAC Arquitectura, un estudo de Granada que poderase ver fronte ao Mercado e unha última encargada a un equipo internacional, nesta primeira edición de Portugal, está en proceso da man do despacho de Diogo Aguiar de Oporto e instalarase na praza do Hospital
Ser unha porta a crear na cidade un espazo de reflexión, a través de instalacións efémeras é un dos obxectivos de Experimenta Pontevedra, que nace para visibilizar a transformación urbana vivida nos últimos quince anos, promover a difusión da imaxe do modelo Pontevedra e intervir no espazo público cunha instalación efémera que convide ao diálogo e á reflexión.
Relacionadas:
-
As prazas de Pontevedra acollen ata o domingo un festival de deseño urbano
Por Oskar Viéitez |
-
17 proxectos de arquitectura efémera concorren ao concurso de Experimenta Pontevedra
Por Redacción |
-
A arte arquitectónica destacarase en Pontevedra da man de Proxecto Experimenta
Por David Arana & Paula Sanmartín |