O Concello acomete un muro e peche na contorna da Casa do Pobo de Santa María
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de acometer unha importante actuación en materia de seguridade e delimitación na contorna da Casa do Pobo de Santa María de Sacos coa construción dun muro de contención de grandes dimensións e a instalación dunha barandilla de peche.
Estes traballos foron realizados nas últimas semanas pola Brigada Municipal de Obras e acaban de ser visitados polo presidente municipal, Jorge Cubela.
En concreto, a actuación consistíu no levantamento dun muro de pedra que permitirá conter o terreo nunha parcela que conta con terraplén e certo desnivel e na instalación dunha barandilla de madeira tratada nun espazo de 20 metros lineais que favorecerá a delimitación da contorna deste local social ao tempo que outorga unha maior seguridade e minimiza o risco de accidentes.
Cómpre lembrar que este espazo é moi utilizado polos veciños, moitos dos cales acuden con cativos, polo que pretende evitarse que se produza algunha caída.