Virxe do Camiño, en obras a partir do luns
Por Alejandro Espiño
A reforma integral da rúa Virxe do Camiño comezará a próxima semana. O goberno municipal anunciou que os traballos, que executará a empresa Oresa, iniciaranse o luns.
O edil de Obras, Demetrio Gómez, sinalou que iso non quere dicir que as máquinas empecen a picar a rúa o luns, senón que se iniciará gradualmente con vén sendo habitual nestes casos facendo primeiro medicións previas ou abrindo o centro de traballo.
A este respecto, o Concello acolleu este xoves unha xuntanza técnica de coordinación de todos os axentes implicados no proxecto para pulir unha serie de detalles.
Tamén acudiu unha técnica de Cogami, encargada de supervisar estes traballos dende o punto de vista da accesibilidade. A modo de exemplo, Demetrio Gómez sinalou que se trata dunha rúa que ten unha ampla superficie de plataforma única na que os invidentes deben ter referencias para camiñar con seguridade.
Máis alá destes detalles, Demetrio Gómez garantiu que os residentes da rúa terán acceso ás súas vivendas en todo momento, aínda que entende que haberá peches puntuais da circulación. "Trataremos de que as molestias sexan as mínimas posibles", sinalou.
O que non variará será o Camiño Portugués, que no seu treito urbano pasa pola rúa Virxe do Camiño. O edil do BNG asegurou que o paso dos peregrinos seguirá a facerse por aí a pesar dos traballos, xa que se compatibilizarán as obras con esta actividade.
O goberno municipal manterá unha reunión, mañá venres ás 19.30 horas, con comerciantes da rúa para explicarlles o plan de traballo.
Relacionadas:
-
Lores confía en que a reforma de Virxe do Camiño reactive a vida comercial desta rúa
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín |
-
A reforma integral de Virxe do Camiño comezará a finais de maio
Por Alejandro Espiño |
-
Once empresas optan a executar a reforma de Virxe do Camiño
Por Redacción |
-
2018 será o ano da reforma da rúa Virxe do Camiño e arredores
Por Redacción |