Máis de 600 nenos participarán na XXV carreira escolar do Salnés
Por Redacción
A carreira escolar do Salnés cumpre as súas vodas de prata. Farao cunha edición na que participarán máis de 600 nenos de seis colexios da provincia. Terá lugar este venres 1 de xuño, a partir das once da mañá.
Este evento deportivo, como é habitual, está organizado polo colexio Abrente, e contará con probas para as categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e afeccionado.
Ademais do colexio Abrente de Portonovo, participarán alumnos do CEIP A Escardia (Vilagarcía), do CEIP Viñagrande (Deiro, Vilanova), do CEIP Valle Inclán (O Grove), do CEIP San Bartolomeu (Vilanova) e do colexio Santiago Apóstolo (Soutomaior).
Para celebrar as súas vodas de prata, este ano entregaranse medallas a todos os participantes no evento, ademais dos trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría e un refrixerio para todos ao acabar.
Desde o goberno local de Sanxenxo destacaron o compromiso con este tipo de eventos deportivos e a importancia que ten o deporte na educación dos nenos e nenas, fomentando unha vida sa e saudable.