Aberto o prazo para optar a un posto temporal de técnico de turismo en Poio
Por Redacción
A concellería de Turismo do Concello de Poio abrirá a oficina turística de Combarro e a Casa-Museo de Colón a partir do venres 1 de xuño. Dúas persoas relacionadas co sector serán as encargadas de ofrecer información aos visitantes que se acheguen ata Combarro ao longo do verán.
O horario de atención na oficina de Combarro será de luns a venres, de 10.30 a 14.00 horas e de 17. a 20.00 horas. As fins de semana e os festivos manterase o mesmo horario pero con apertura a partir das 11.00 horas.
A oficina de turismo do Casal de Ferreirós ampliará o horario, desde as 09.00 ata as 14.30 e polas tardes abrirá de 17.00 a 19.00 horas. Os sabados permanecerá aberta de 10.30 a 13.00 horas.
O Concello de Poio mantén aberto o prazo de presentación de instancias para a selección dunha persoa titulada en turismo, que será contratada a través da subvención concedida pola Xunta de Galicia aos municipios de interese turístico, segundo informa o goberno local. En total, o Concello contará con cinco persoas encargadas da información turística.
A partir do 1 de xuño tamén está prevista a apertura da Casa-Museo de Colón. O horario será de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas. A entrada a este espazo é gratuíta.