A praia de Agrelo incumpre os estándares para o baño establecidos pola Unión Europea
Por Redacción
A Axencia Europea do Medio Ambiente (Aema) fixo público o ranking de praias cos distintos rexistros de calidade a teor das análises realizadas nas distintas augas de baño a finais de 2017.
Na zona das Rías Baixas destaca que Agrelo, a praia urbana de Bueu, continúe coa súa avaliación de pouco recomendable para o baño e aparece marcada como punto vermello, debido aos niveis de contaminación que presenta.
A grande maioría de areais da contorna ofrecen unha calidade excelente. Só a praia de Laño en Raxó, Poio, sitúase cunha calidade suficiente. O areal urbano de Raxó alcanza este ano o nivel excelente cando en 2017 tamén era considerada pouco recomendable para o baño.
Loira, en Marín, queda sen alcanzar a excelencia e ofrece unha calidade de augas boa. E outras dúas praias, xa situadas na zona do Salnés, que baixan o nivel de excelencia xeral para asignarlle só o de bo son O Facho en Cambados e a fluvial do río Umia, no municipio de Ribadumia.