Sanxenxo pide autorización para converter a Rúa do Río de Portonovo nun viario de sentido único
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo quere converter a Rúa do Río nun viario de sentido único, e para iso solicitou a autorización pertinente á Deputación de Pontevedra e á Consellería de Infraestruturas.
Na actualidade existe un primeiro tramo da estrada provincial EP-9206, que une a estrada autonómica PO-308 en Portonovo coa variante da estrada de Adina. Este tramo está incluído en chan urbano consolidado, e trátase dunha zona moi estreita, co tráfico habilitado en dúas direccións e sen beirarrúas para os peóns, o que provoca unha constante situación de risco, tanto para o tránsito rodado, pero sobre todo para os viandantes.
Este viario, ademais, soporta unha circulación elevada nos momentos de entrada e de saída ao colexio Abrente.
Por ese motivo o Concello de Sanxenxo propón a reordenación do tráfico neste tramo, para que ademais dun viario de sentido único conte cunha senda habilitada para peóns.
Con esta actuación, explica o goberno local, dáse resposta a unha moción presentada polo concelleiro non adscrito, Roberto Agís, que solicitaba a reordenación do tráfico no lugar.