A Lama aproba os seus orzamentos municipais cun incremento de case 100.000 euros
Por Oskar Viéitez
A corporación municipal da Lama aprobou, cos votos a favor en solitario dos concelleiros do PPdeG, os orzamentos municipais para o ano 2018 que alcanza un montante total de 1.531.073,92 euros, case uns 100.000 euros superior ao do exercicio anterior.
Segundo o alcalde Jorge Canda, o orzamento está orientado a manter os servizos públicos, favorecer investimentos en viarios e a acción dos colectivos sociais e culturais do municipio.
O alcalde Jorge Canda realizou ante o pleno da corporación unha explicación pormenorizada das partidas que compoñen os orzamentos que cualificou como "axeitados para un concello das nosas características e coas limitacións que establece o feito de ter conxeladas as taxas e os impostos sin descoidar a atencións aos nosos veciños".
No capítulo destinado a investimentos o Concello reserva un importe de 22.500 euros que irá destinado á mellora de accesos a núcleos de poboación, pavimentación de viarias de titularidade municipal e eficiencia nas instalacións enerxéticas existentes no territorio.
O portavoz socialista, Enrique Vaqueiro, xustificou a súa abstención aos orzamentos en que non puideran asistir á comisión de Facenda e o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal Malleiro, decidiu votar en contra argumentando que as axudas e subvencións do Concello van sempre orientadas cara ás asociacións e colectivos veciñais das grandes parroquias deixando de lado ás outras entidades de menor peso pero que ao seu xuízo demandan dunha atención similar por parte do Concello.