Repavimentan a chapuza do espazo peonil da praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra comezou este luns a repavimentación en cor ocre do espazo peonil gañado aos vehículos na praza de Barcelos.
O goberno local recoñeceu que o actual pavimento "non cumpriu as espectativas iniciais" xa que "tiña importantes deficiencias" tanto no espazo aberto como nos puntos de xogo, debido a que o asfaltado realizado hai máis de ano e medio, non resultou da calidade agardada, é dicir, foi unha chapuza.
Esta obra faina a empresa Covsa, autora inicial do asfaltado, polo que non ten coste algún para o Concello que se acolle á garantía do proxecto.
Os traballos comezaron este luns e continuarán durante dous días máis. Está previsto o fresado e asfaltado e tratar o espazo das pistas deportivas con resina, así como o pintado das liñas de xogo. Todo na mesma cor que ten na actualidade este espazo peonil.
Estas reparacións continuarán nesta semana polo CEIP San Bieito de Lérez no que tamén se creou un espazo de preferencia peonil no acceso ao colexio. A situación deste caso é igual que o anterior. O pavimento está moi deteriorado a pesar de que non pasou aínda un ano dende o seu asfaltado, polo que tamén se fará a cargo da garantía da obra.
En Lérez, a reparación farase este xoves 31 de maio, pola tarde, para evitar que afecte á xornada escolar.
Ademais, a empresa Covsa tamén fará esta semana o calmado de tráfico e espazo peonil no acceso ao colexio de San Martiño de Salcedo, que estaba paralizado á espera de que unha empresa de telefonía retranquease os postes na rúa.
O calmado de tráfico en Salcedo será o martes, 29 de maio, logo da entrada dos escolares ao colexio. Está previsto o fresado e asfaltado do camiño de acceso ao centro de ensino que terá unha duración duns tres días.
Relacionadas:
-
Patrimonio insta ao Concello a levantar unha parte da reforma de Barcelos
Por Oskar Viéitez |
-
O pavimento da área peonil de Barcelos renovarase na primavera
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello buscará a solución "máis acaída" para Barcelos
Por Alejandro Espiño |
-
A concelleira María Rey pide a renovación do firme das pistas deportivas de Barcelos
Por Redacción |