Para probar troita de calidade hai que ir á Festa de Ponte Caldelas
Por Diego Torrado & Redacción
Centos de persoas iniciaban o ritual de probar as troitas coa apertura das casetas de degustación ás 19.00 horas do sábado no arranque da Festa da Troita de Ponte Caldelas, unha das citas gastronómicas máis antigas de Galicia, ao remontarse ao ano 1967.
A xornada inicial contou co tradicional concurso de pesca e con actuacións folclóricas e musicais durante a tarde na Alameda da vila. Durante a noite chegou a verbena coa actuación da orquestra Miramar. As persoas que se achegaron durante esta primeira xornada puideron probar o excelente prato. O alcalde Andrés Díaz tamén se achegaba á cita e non dubidou en encargarse de colaborar servindo veu aos visitantes.
Ao longo deste domingo entregaranse os premios do concurso de pesca para, a continuación, dar paso a un concerto da Banda de Música de Meaño. Despois chegará a quenda para degustar a "troita" e xa durante a tarde vai celebrarse o festival folclórico, a cargo do grupo Os Coribantes e o coro tradicional Abeleiras de Alxán, de Soutomaior.