Pedaladas contesta a Mosquera: "a medida de reducir a 5 km/h a velocidade das bicicletas mataría o seu uso na cidade"
Por Redacción
A pretensión do goberno local de Pontevedra de establecer nunha nova ordenanza a prohibición de circular en bicicleta a máis de 5 km/hora nas zonas peonís xa recibiu resposta. O colectivo de apoio ao uso da bicicleta, Pedaladas, mostra a súa sorpresa por esta iniciativa anunciada polo concelleiro de Mobilidade, César Mosquera. Desde esta asociación entenden que esta medida "eliminaría" o uso da bicicleta.
Entre outras razóns, explican que circular en bicicleta a 5 km/ h. dificulta o equilibrio sobre este vehículo. A velocidade de autosustentación é de 11 km/ h. Sinalan que a bicicleta é unha ferramenta útil para mellorar a eficiencia nos desprazamentos, se se iguala a velocidade á dos peóns non compensaría o seu uso.
Alegan, ademais, que o propio Concello recomenda actualmente circular a un máximo de 10 km/ a través da web municipal. E engaden que esta medida tería que aplicarse tamén ás persoas que corren xa que normalmente superan unha velocidade por encima de 8 km/ h e pódense alcanzar ata o 16 km/ h.
Por último, apuntan a que os coches tampouco poden circular a esa velocidade xa que a relación de marcha de primeira a 900 rpm segundo o modelo de coche é de 8 a 12 km/ h.
A asociación comprométese a trasladar propostas á nova ordenanza de mobilidade pero reclama ao Concello "un mínimo de rigor" e que actúe de maneira coherente e razoable. Fan referencia a que outros concellos que aprobaron ordenanzas deste tipo establecen que a velocidade máxima nos espazos peonís é de 10 km/ h.
Temen que esta medida sexa unha prohibición encuberta de circulación de usuarios de bicicleta, patín ou skate no centro histórico.