Cúmprense tres anos desde que os concellos da provincia de Pontevedra "tiveron a sorte de cambiar o goberno da Deputación"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera compareceron este venres en rolda de prensa para lembrar que se acaban de cumprir tres anos desde que os concellos da provincia "tiveron a sorte de cambiar o goberno da Deputación".
Silva e Mosquera fixeron un breve balance desta etapa de goberno cando falta un ano de mandato ata a celebración das próximas eleccións municipais.
Carmela Silva definiu ao goberno que ela preside como "forte, unido, cun proxecto claro" e "cun programa" que, como apuntou o vicepresidente César Mosquera, "ata agora nunca tivera o goberno da Deputación".
As liñas básicas deste programa son: a igualdade, a aposta polo emprego, a mobilidade, o compromiso co medio ambiente, as novas tecnoloxías e a administración electrónica, a defensa do patrimonio cultural, as políticas sociais e un plan estratéxico para o turismo e o deporte.
Mosquera asegurou que ese programa de goberno "foi nosa biblia" destacando o esforzo realizado polo Partido Socialista e o BNG durante o verán de 2015 para deseñar un plan a catro anos "moi ambicioso pero realista", do que "o único que non se cumpriu" foron as transferencias dalgúns organismos á Xunta, debido aos impedimentos postos polo goberno autonómico para negocialas, en canto ao resto do programa "cumpriuse todo exquisitamente", dixo.
Nun rápido repaso, Carmela Silva lembrou que o orzamento destinado aos municipios da provincia incrementouse en máis dun 40 por cento neste período, con máis de 200 millóns de euros investidos en obras e na creación de emprego, "os concellos recibiron moitos máis recursos que nunca na historia da Deputación", afirmou.
Ademais Silva destacou que o orzamento provincial esta sendo distribuído "con máis equidade" e con "máis respecto e máis dereitos" para os concellos que "agora" son os que presentan as súas prioridades e "todos saben o que van recibir con anterioridade", explicou a presidenta, confrontando esta situación coas etapas anteriores.
Finalmente, César Mosquera lamentou a oposición realizada nestes tres anos polo Partido Popular na Deputación "que non aportou nada" algo que valorou como "inaudito, unha desgraza".
Relacionadas:
-
A Deputación presentará o seu modelo de mobilidade no Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria de Perú
Por Oskar Viéitez |
-
Ángel Moldes, voceiro do PP, cre que Mosquera "idealiza" o goberno da Deputación
Por Redacción |
-
Carmela Silva: "Non teño dúbidas de que imos seguir gobernando tamén no próximo mandato"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os populares critican a "ineficacia" e o "postureo" do goberno bipartito da Deputación
Por Oskar Viéitez & Alejandro Vila de la Fuente | Creada e actualizada