Ponte Caldelas corrixe a baixada de augas descontroladas nun camiño de Taboadelo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas atendeu ás peticións veciñais en relación coas augas que baixaban descontroladas pola costa dun dos camiños centrais da parroquia de Taboadelo, onde está situada a Casa do Pobo.
Segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado, remataron as obras de conexión entre a canle dunha antiga presa de rego cunha toma de pluviais situada metros máis abaixo, facendo así un 'by-pass' que dá saída á auga.
As obras, que foron obxecto de repetidas demandas pola veciñanza, solucionan un problema que se vía agravado pola forte pendente do camiño e o trazado dunha curva, provocando así o risco de entrada da auga en varias vivendas.
Ao respecto, o goberno local indica que desde o inicio do seu mandato ten realizado xa máis dunha vintena de obras para corrixir a recollida das augas en varios núcleos do rural. A prioridade está sempre nos camiños cuxa pendente agrava o problema.
Nesta ocasión, foi preciso colocar máis de 100 metros de tubo de 315 milímetros de sección baixo o firme. A canalización arranca no rego do camiño e conecta, a través dunha arqueta, coa rede existente máis abaixo. A infraestrutura, de propiedade veciñal, quedara cegada ao perder o seu uso orixinal e polas obras dun particular na súa propiedade, provocando así o desbordamento.
O Concello aproveitou para tapar o rego do camiño, tanto neste tramo como na súa saída inferior, ampliando así a súa anchura, pois xa ten quedado atrapado algún coche. O alcalde, Andrés Diaz, avanzou durante unha visita ás obras que este camiño vai ser pavimentado de novo nos próximos meses.