Interceptan un condutor sen carné cando se dirixía a un xuízo por outro delito de tráfico
Por Redacción
Un condutor multirreincidente en delitos contra a seguridade viaria foi sorprendido unha vez máis circulando sen carné, coa gravidade de que, ademais, foi interceptado cando se dirixía ao xulgado para asistir a un xuízo por unha retirada de permiso.
O condutor en cuestión é un veciño de Ribadumia de 58 anos que responde as iniciais J.J.A.. Efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil interceptárono á primeira hora da mañá do martes nunha céntrica rúa de Cambados.
Cando foi interceptado por unha patrulla de Tráfico de Pontevedra estaba a conducir o seu vehículo de camiño aos xulgados de Cambados, onde debía comparecer en calidade de investigado por un delito contra a seguridade viaria que cometera o 18 de maio, ao conducir sen carné por perda de puntos.
A este condutor reincidente figurábanlle outros tres expedientes sancionadores por conducir co permiso sen vixencia por perda total de puntos e en todos os casos a infracción detectouse como consecuencia dunha infracción por condución etílica.
Nesta ocasión, as dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Garda de Cambados, onde terá que comparecer en calidade de investigado como suposto autor dun novo delito contra a seguridade viaria.
O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra está a incidir dunha forma especial na vixilancia deste tipo de condutores, con persoal especializado no seu control e interceptación. Os condutores multirreincidentes son unha das principais preocupacións de Tráfico polo potencial risco para a seguridade viaria que implican. As súas condutas viarias adoitan ir asociadas a consumos de alcol ou drogas, grandes excesos de velocidade ou outras infraccións que poñen en perigo ao resto dos usuarios das vías.