Tres millóns de euros para darlle un pulo á compostaxe no que queda de ano
Por Redacción
O vicepresidente César Mosquera anunciou este xoves que a Deputación de Pontevedra ten dispoñibles tres millóns de euros que investirá no que queda de ano para darlle un pulo á compostaxe. Preténdense con eles financiar as medidas necesarias para que os concellos da provincia poidan cumprir as obrigas ambientais e legais que establecen que o 100% dos biorresiduos debe ser compostados ou recollido de xeito separado no ano 2020.
Ante a nova normativa que obriga a que desapareza o colector verde no que actualmente se tira o lixo de maneira misturada, o nacionalista comentou a posibilidade de que se abra unha nova convocatoria de adhesión para dar entrada a concellos que ata o de agora non tiveran interese no plan provincial, pero que se verán obrigados a buscar unha solución á súa xestión do lixo de xeito inminente.
Este anuncio de investimento foi realizado polo vicepresidente no marco da presentación do II congreso de educación ambiental sobre compostaxe para centros de ensino que se celebrará o vindeiro martes día 29 no Pazo da Cultura de Pontevedra coa participación de sete centros e máis de 300 escolares de toda a provincia.
No anuncio da celebración, Mosquera estivo acompañada por unha representante do Ceida, Carmen Borobio, e polo coordinador das actividades que se levan realizando coa compostaxe nos colexios e insitutos da provincia ao longo do curso grazas ao Plan Revitaliza.
Borobio lembrou que o curso anterior as actividades e obradoiros realizados polo CEIDA limitáranse aos concellos adheridos (36) e a 242 centros escolares, sobre todo de Primaria, mentres que este ano o obxectivo foi máis ambicioso, atendendo non só o "territorio Revitaliza", senón tamén outros concellos como Vigo e Marín.
"Chegamos a máis de 10.500 alumnos e alumnas con máis de 400 actividades, formando profesores, con charlas para alumnado, visitas a centros de compostaxe, xogos, exposicións… e tivemos unha grande demanda de centros de Infantil e tamén de Secundaria, que tiveron actividades todo o ano", destacou.
DIPLOMAS E VISITA
Por outra banda, o vicepresidente Mosquera tamén destacou que o vindeiro xoves día 31 repartiranse os diplomas ao alumnado do curso da Facultade da Compostaxe na súa terceira promoción coa presenza do reitor Salustiano Mato, quen pechará a súa traxectoria no cargo con este acto.
Serán 13 mulleres e 12 homes que se "graduarán" como mestres composteiros os seleccionados para obter a bolsa da Deputación.
Finalmente, o vicepresidente explicou que os días 30 e 31 deste mes chegará a Pontevedra unha delegación de Extremadura na que estará presente o director xeral de Medio Ambiente da Xunta de Extremadura, así como representantes das deputacións de Cáceres e Badaxoz, xunto a un grupo de técnicos, que queren coñecer o funcionamento in situ do Plan Revitaliza para "iniciar o mesmo camiño".
Relacionadas:
-
A Deputación abre un proceso participativo para elaborar a súa ordenanza de compostaxe
Por Redacción |
-
A Universidade de Sao Paulo quere aplicar a compostaxe no seu campus como se fai en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Eduardo Pondal celebra cunha festa a produción do primeiro compost do barrio
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Sae ás rúas a terceira promoción de mestres composteiros
-
En 2020 os concellos terán que compostar ou recoller os biorresiduos de xeito separado por lei
Por Redacción |
-
Todos de acordo, foi un pleno innecesario
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os concellos xa poden solicitar subvencións para contratar mestres composteiros
Por Redacción |