Comeza a instalación de tubaxes no novo sistema de sumidoiros entre Antas e Seixido
Por Redacción
Xa comezaron os traballos da primeira fase de mellora da estrada autonómica PO-235, entre Antas e Seixido. Operarios da empresa adxudicataria das obras comezaron a instalar os tubos do novo sistema de rede de sumidoiros.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, achegouse para ver a evolución dos traballos que cobren unha demanda histórica. Con estas obras, a estrada gañará en seguridade viaria e mellorará a conexión interior da provincia con Ourense e favorecerá o acceso de tráfico rodado a distintos núcleos de poboación.
A obra foi adxudicada por 600.000 euros e o prazo de execución sitúase en seis meses. Os traballos centraranse en alargar e mellorar o trazado para ofrecer unha maior comodidade na circulación.
Nestas primeiras intervencións ampliarase a calzada e instalaranse beiravías e varandas de contención. Mellorarase o trazado das curvas de acceso aos pontillóns, ampliando lixeiramente o radio.
Tamén se levará a cabo a reposición da rede de saneamento no núcleo de Seixido e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.
A segunda fase das obras permitirá completar o acondicionamento da estrada cun investimento de 1,5 millóns de euros. A Xunta está a redactar este proxecto.