Do banquiño do equipo de fútbol ao dos acusados
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra xulgará este martes 7 de maio a dous irmáns, xogadores do equipo de Barciademera, unha parroquia do Concello do Covelo (Pontevedra) por agredir a un xogador do equipo rival durante un partido de fútbol.
Segundo o escrito de acusación, sobre as 19:50 horas do día 24 de maio de 2009, tras disputarse un encontro de fútbol da Federación Galega entre os equipos Barciademera C.F e o Louredo no campo do primeiro sito en Covelo, Iván, xogador do equipo local aproximouse a outro xogador que formaba parte do persoal do equipo contrario e tras dicirlle "e agora que?", con ánimo de quebrantar a súa integridade física, propinoulle un puñetazo na cara.
Acto seguido e con idéntico afán, o irmán do acusado D.B.B. empurrou ao xogador rival que caeu ao chan, tras o cal Iván asestoulle varias patadas na cara, relata na súa versión dos feitos o Ministerio Público.
A consecuencia da agresión causada a vítima sufriu fractura-afundimento de ósos propios do nariz e ferida inciso contusa que requiriron para a súa curación tratamento médico-quirúrxico. Ditas lesións tardaron en curar 120 días, dos cales 15 foron impeditivos e 105 non impeditivos, restando como secuelas funcionais insuficiencia respiratoria nasal superior dereita (2-5 puntos) e como secuelas estéticas cicatriz e afundimento de zona pirámide nasal.
O fiscal entende que Iván é autor dun delito de lesións polo que lle pide unha pena de dous anos e seis meses de prisión, e considera que David é autor dunha falta de maltrato de obra para a que solicita 30 de multa cunha cota diaria de 18 euros, coa correspondente responsabilidade persoal subsidiaria en caso de impago.
Segundo reclama o Fiscal, Iván como responsable civil directo e a Mutualidad de Previsión Social de Futbolistas Españoles MUPRESFE como responsable civil subsidiario, indemnizarán á vítima na cantidade de 4.050 euros polas lesións sufridas e polas secuelas deberán indemnizarlle na cantidade que se determine en execución de sentenza.