Tres vídeos de seguridade, claves no xuízo pola pelexa na que morreu o dono dun ciber de Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A tensión mascouse durante toda a mañá deste mércores nos xulgados da Parda con motivo do xuízo a dous irmáns veciños do Vao (Poio) e un home de Marín pola súa implicación nunha pelexa na que resultou ferido de morte o propietario dun ciber. En apoio aos dous primeiros, acudiron ao edificio xudicial numerosos familiares que, xa á primeira hora da mañá, mostraron unha actitude hostil cara os xornalistas. Presenciaron tamén a vista familiares do falecido, que de mostraron visiblemente afectados durante a sesión.
Tres vídeos das cámaras de seguridade do ciber centraron o xuízo, celebrado no Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra. As imaxes, que se proxectaron na sala, mostran tanto os momentos de tensión previos á liorta como o instante no que catro persoas peléxanse e unha quinta, o morto, cae ao chan.
Segundo se pode ver nas imaxes, o forcexeo en si dura apenas uns segundos, pero o enfrontamento empezara xa tempo antes, cando os dous acusados de Poio e un irmán e un primo menores de idade pedíronlle ao propietario que lles axudase a gravar uns CD' s e este negouse, abríndose momentos de tensión nos que lle chamaron " apampanado" e el sostivo que "yo no puedo hacer de criado".
Tras constatar as faltas de respecto e insultos, o home alertou ao seu fillo, que levaba o negocio con el. Chegou pouco despois e, tras un breve intercambio de palabras co seu pai, dirixiuse aos clientes con intención de botalos. Díxolles: "Fuera, fuera". Un deles encarouse dicindo: "Échame tú". E nese momento comezaron os segundos cruciais que acabaron co propietario falecido e o seu fillo e dous dos clientes no banco dos acusados.
Unha vez visionado o vídeo, unha proba crucial, prestaron declaración os acusados. O primeiro foi J.M.P.O., fillo do falecido e a quen a Fiscalía considera autor de dous delitos leves de lesións polos que pide que se lle impoña 360 euros de multa.
El recoñeceu que se encarou a eles pedíndolle que abandonasen o local e que cando un deles, ao que recoñeceu como Joaquín S. J., atacoulle empezou a forcexear, pero explicou que en todo momento fíxoo por defenderse, pois chegaron a tiralo ao chan tres veces e "me pisaban y golpeaban la mano".
Na confusión da pelexa explica que non viu o impacto na cara do seu pai e a posterior caída que lle provocou un traumatismo cranioencefálico severo que lle causaría a morte, pero si que viu que alguén alzaba a man e ese era, de novo, Joaquín.
A Fiscalía considera que dos tres acusados o principal é Joaquín S. J., a quen responsabiliza de lesionar ao coacusado J.M.P.O. e tamén do golpe mortal do seu pai. Atribúelle dous delitos de lesións leves polos que pide que se lle condena a 360 euros de multa e un de lesións graves e outro de homicidio imprudente polos que debería ser condenado a tres anos e tres meses de prisión.
Ademais do fillo do falecido, outras dúas testemuñas aseguraron que el foi quen asestou o golpe, que lle alcanzou o nariz e derrubouno, pero el declarou só a preguntas da defensa e asegurou: "non lembro pegarlle".
Os forenses que practicaron a autopsia á vítima sosteñen que tiña dous traumatismos, un no nariz "compatible cun puñetazo o golpe contundente" e outro cranioencefálico "compatible con un impacto en una caída con velocidad" ou, o que é o mesmo, que sufriu cando caeu con forza ao chan. O primeiro foi grave, pero o segundo mortal. Tras entrar en morte encefálica, morreu dous días despois no hospital.
Ao terceiro acusado, Enrique S. J., a fiscal do caso pídelle 360 euros de multa por un delito de lesións leves. El, que optou por declarar só ao seu defensa, centrou o seu breve testemuño en soster que o fillo do acusado colleulle do pescozo e tirou ao chan e que logo, cando o seu pai xa estaba no chan e el e os seus irmáns e primo fuxiron, saíu tras eles e golpeou o coche.
Por estes feitos xa foi xulgado e condenado o irmán menor dos acusados no Xulgado de Menores e, ademais, considérase que o seu primo, que estaba con eles en todo momento, non participou na pelexa, senón que se mantivo apartado.
Tras a celebración do xuízo, a fiscal tan só fixo pequenos cambios no seu escrito de acusación provisional referidos ás indemnizacións -Joaquín deberá indemnizar á esposa do falecido con 115.000 euros; a tres dos seus fillos con 51.000 euros cada un e ao co acusado J.M.P.O., con 22.000 euros-, pero a avogada defensora de Joaquín si engadiu cambios ao pedir ao xuíz, Miguel Aramburu, que se condena ao seu cliente o faga por unha imprudencia menor e teña en conta as circunstancias atenuantes de drogadicción, alteración mental e dilacións indebidas.
Relacionadas:
-
Dous anos e catro meses de prisión pola morte do dono dun ciber de Marín
Por Natalia Puga |
-
Tres persoas chegan a xuízo por unha pelexa na que morreu o dono dun ciber de Marín
Por Natalia Puga |
-
Entrégase o mozo que buscaban pola morte do dono do ciber de Marín
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Falece o dono do ciber de Marín agredido por tres mozos o martes
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Dous detidos por unha grave agresión en Marín
Por Redacción |