Investigan un asalto nocturno nunha vivenda de Estrigueiras cos donos dentro
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para localizar os responsables dun asalto rexistrado na noite do luns ao martes nunha vivenda unifamiliar da zona de Estrigueras, unha área da cidade moi próxima ao barrio de Campolongo, mentres os propietarios estaban no interior.
Ata o momento non puido aclararse se o asalto foi obra dunha ou de varias persoas. Os dous residentes na vivenda tan só observaron un deles, pero non se descarta que poida participar algún outro individuo.
De momento, non hai ningunha hipótese sobre a autoría do asalto, pero todo apunta a que se trata de ladróns profesionais que entraron na casa convencidos de que non había ninguén no interior e, ao decatarse da presenza dos propietarios, desistiron no seu intento.
O asaltante ou asaltantes, en principio, non chegaron a roubar ningún obxecto da vivenda, pero si xeraron unha situación de alarma nos residentes, pois, segundo relataron, atopábanse na planta superior da casa cando, de súpeto, viron a un descoñecido abrir a porta do cuarto.
Todo ocorreu sobre as 23.30 horas da noite. O asaltante accedeu pola parte traseira da vivenda tras tentar forzar a xanela da cociña e finalmente esnaquizar a porta. Unha vez no interior, subiu á planta superior, na que os veciños da casa estaban nun cuarto vendo a televisión, chegando a abrir a porta da habituación.
Os dous moradores da vivenda reaccionaron con rapidez, pecharon os accesos á planta superior e un deles mesmo suxeitou un pau na man. Ao ser descuberto, o asaltante saíu correndo da vivenda e as vítimas alertaron á Policía.
Fontes da Policía Nacional confirmaron que na mañá deste martes formalizouse unha denuncia na Comisaría Provincial, aínda que xa tiñan coñecemento do ocorrido desde a medianoite do martes, cando recibiron unha alerta veciñal.
Inmediatamente trasladáronse á vivenda varias patrullas policiais de garda, que realizaron unha batida pola zona para lograr localizar ao asaltante ou asaltantes, pero non tiveron éxito. Horas despois, desprazáronse ata a casa efectivos da Brigada de Policía Científica da Comisaría para buscar probas que axuden ao esclarecemento do feito.
Na denuncia presentada non consta que os propietarios botasen en falta nun primeiro momento ningún obxecto da vivenda, pero si que hai rexistrados danos materiais no acceso á vivenda pola cociña.