Satisfacción no Concello polo "alto grao" de cumprimento da normativa de terrazas
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal está "satisfeito" ao comprobar que a "grande maioría" dos hostaleiros de Pontevedra optaron por cumprir "desde o primeiro día" cos novos requisitos que a normativa de terrazas impón aos veladores dos seus establecementos. Así o destacou a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías.
O cumprimento é "case total", segundo as primeiras revisións, no centro histórico unha vez entrou en vigor a modificación do regulamento de terrazas, aprobado recentemente no pleno municipal.
Aínda que o Concello introduciu unha moratoria para que os hostaleiros se foran adaptando aos cambios de forma paulatina, a maioría optou por non esperar a axustarse ás novas esixencias. Aínda que, recoñece Gulías, o bo tempo destas últimas semanas tamén puido ter certa incidencia, especialmente, na retirada dos "galpóns" de plástico.
As terrazas terán, a partir de agora, un horario único que irá das nove da mañá ata a unha e media da madrugada. O horario será o mesmo de luns a domingo. Haberá excepcións en eventos especiais. Non se permitirá, neste sentido, colocar a terraza antes desa hora aínda que non se utilice.
As mesas non poderán superar os 1,50 metros de altura e autorízase a instalación de pérgolas, cubertas impermeables ou toldos sempre que non estean ancorados ao chan ou supoñan o peche lateral ou frontal da terraza. Tamén se poderán colocar paraventos, sebes, plantas e demais elementos ornamentais se non ocupan máis espazo do autorizado e se son movibles.
Ademais, non se poderán colocar mesas ante portais ou locais comerciais nin diante de entradas a garaxes, a ocupación do espazo público deberá garantir sempre a accesibilidade e amplíase a 1,80 metros a distancia mínima que deberá haber libre nunha beirarrúa.
A publicidade, as pizarras co menú ou calquera tipo de carteis ou paneis informativos non poderán poñerse nas terrazas e mantense a prohibición da ambientación musical ou sonora e outros elementos como futbolines, máquinas recreativas ou de azar.
Os técnicos municipais incluíron tamén unha serie de recomendacións respecto ao uso de sistemas de calefacción, que deberán de ser de baixo consumo e preferiblemente de enerxías renovables e que non emitan ruídos ou cheiros, ou materiais dos veladores, que se piden que estean feitos de madeira, resina de plástico ou os clásicos de mármore con pé de ferro fundido.
Anabel Gulías adiantou que, en breve, manterá unha última reunión cos hostaleiros na que, acompañada dos técnicos municipais, informará o sector desta nova normativa. Será o último contacto antes de que entre en vigor o réxime sancionador que se incluíu no regulamento e que contempla multas de ata 3.000 euros ou mesmo a retirada da licenza para instalar os veladores.
Relacionadas:
-
As terrazas poderán abrir ata as dúas e media da madrugada no verán
Por Natalia Puga |
-
A praza da Estrela, regulada cun límite máximo de 30 veladores
Por Redacción |
-
A instalación de veladores e bancos completará a nova imaxe de Cruz Gallástegui
Por Redacción |
-
A ordenanza de terrazas supera o trámite de exposición pública sen alegacións
Por Alejandro Espiño |
-
Os hostaleiros terán unha moratoria de seis meses para adaptarse á nova normativa
Por Alejandro Espiño |