A Garda Civil detén tres mozos pontevedreses por varios roubos en establecementos públicos
Por Redacción
A Garda Civil detivo na madrugada do martes tres mozos como presuntos autores de tres roubos cometidos durante as últimas horas en distintas localidades dos municipios de Sanxenxo e Marín.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos sucederon durante a última madrugada cando unha dotación da Policía Local de Sanxenxo alerta á Garda Civil dun roubo que se perpetrou nun restaurante-estanco en Vilalonga, onde se apropiaron da recadación da máquina expendedora de tabaco e a caixa rexistradora do restaurante.
Alertadas as patrullas de seguridade cidadá do posto da Garda Civil de Sanxenxo que estaban próximas á zona, fíxose unha batida pola contorna e púidose localizar a un vehículo Seat-Ibiza que estaba vinculado cun roubo que se perpetrou o día anterior en Marín.
Ao tentar paralo, o vehículo aumentou considerablemente a velocidade ata ser interceptado no lugar da Vichona e, a pesar de que nun principio os ocupantes conseguiron darse á fuga, dous deles foron localizados e detidos instantes despois. No interior do vehículo atopáronse varios teléfonos móbiles, un pasamontañas negro e varios paquetes de tabaco.
Por mor desta actuación tívose coñecemento de que esa mesma madrugada entraran na oficina de correos de Portonovo, forzando a porta de entrada. Do interior do local levaron a paquetería que estaba detrás do mostrador e varios teléfonos móbiles, entre os que figuraba un dos que se localizou no interior do coche.
Durante o transcurso da instrución da dilixencias, este martes acudiu ao posto da Garda Civil de Sanxenxo a persoa que supostamente conducía o vehículo, alegando que se deu á fuga porque levaba consigo unha pequena cantidade de estupefacientes para consumo propio. A pesar de que foi ao cuartel con outra indumentaria distinta para pasar desapercibido, foi identificado e detido pola súa implicación nos mesmos roubos. O coche que conducía resultou ser propiedade do seu avó.
Os detidos, S.L.D., de 25 anos, C.C.F., de 21 e AR.P.O., de 18 anos, todos eles con domicilio actual en Pontevedra, pasarán nas próximas horas a disposición do xulgado de instrución número 4 de Cambados.