Un cento de funcionarios concéntrase ás portas da prisión da Lama: 'Ministro, a palos no. Todos somos Dani'
Por Natalia Puga
Un cento de funcionarios do centro penal da Lama concentrouse este martes ás portas da prisión baixo o lema 'Ministro, a palos no. Todos somos Dani' para mostrar o seu apoio ao seu compañeiro do penal de Morón de la Frontera (Sevilla) que está a piques de perder un ollo como consecuencia da "brutalidade esaxerada" que se empregou contra os traballadores que se estaban manifestando o pasado 17 de maio.
A concentración, convocada a nivel nacional polos sindicatos Acaip, CC. OO. e ATP, consistiu nun paro da actividade durante 15 minutos que puideron secundar un cento de funcionarios, pero no que se tiveron que ausentar en contra da súa vontade outros tantos.
Segundo denunciou Marcos Blanco, do sindicato Acaip, "sempre houbo concentracións de 15 minutos por motivos diversos e sempre se permitiu a saída de compañeiros, pero hoxe non", de modo que ao redor de 100 traballadores tiveron que quedar no centro a pesar de que querían saír á porta para concentrarse cos seus compañeiros.
En opinión dos sindicatos, esta prohibición para secundar a protesta "é unha volta de parafuxo máis desta secretaría xeral (de Institucións Penitenciarias)", xa que está a obstaculizar concentracións que "son legais, pacíficas e pedidas en tempo e forma".
Os sindicatos reiteran a súa reivindicación de que Institucións Penitenciarias abra unha mesa de negociación e critican que o que se atopan en fronte é que "no canto de abrir unha mesa de negociación, o que fan é apertar cada vez máis a ver se reventa ao colectivo de funcionarios".
Acaip, CC. OO. e ATP convocaron o paro este martes en protesta polo ocorrido o 17 de maio, cando tiñan convocadas varias concentracións dentro do proceso de mobilizacións para esixir unha mesa de negociación na que abordar o acordo do 11-E, a mesma causa que na Lama derivou nunha vistosa concentración a semana anterior, o 9 de maio.
A pesar de contar con todas as comunicacións e autorizacións, denuncian que o Ministerio do Interior a través das forzas e corpos de seguridade, tentou co "uso desproporcionado da forza" e aplicando unha "brutalidade incomprensible e intolerable", impedir por todos os medios que se celebrasen.
A "maior expresión desa brutalidade esaxerada" sitúana en Morón de la Frontera, onde varios compañeiros sufriron lesións e un segue ingresado "sen poder ter un diagnostico que permita garantir que vai recuperar a visión, xa que actualmente tena totalmente perda nese ollo".
Relacionadas:
-
Os sindicatos aseguran que o cárcere da Lama non está para celebracións na Mercé
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian agresións "a diario" a funcionarios do cárcere da Lama
Por Redacción |
-
Denuncian novos episodios violentos no cárcere da Lama
Por Oskar Viéitez |
-
Varios funcionarios feridos nun altercado con catro presos conflitivos na Lama
Por Natalia Puga |
-
Funcionarios da Lama mobilízanse ante a "decadencia total" do sistema de prisións
Por Redacción |