Evacúan un bebé por inhalación de fumes tras un incendio nun local de hostalería de Vilagarcía
Por Redacción
Un bebé de só catro meses foi evacuado, por precaución, a un centro hospitalario debido á inhalación de fume provocada polo incendio declarado nun local de hostalería.
Segundo informa o 112 Galicia o incendio comezou no local, situado nun edificio de oito plantas da rúa San Roque, e obrigou ao desaloxo de ao redor de 15 persoas das plantas primeira e segunda mentres se prolongaron as tarefas de extinción.
Só tivo que ser evacuado o menor, que se atopaba nun cuarto afectado polo fume.
No incendio arderon caldeiras, plásticos e algún depósito de cervexa que había no interior do establecemento.
Un dos veciños da zona foi o que alertou ao 112 ao fío das 4:00 horas da madrugada. A partir dese momento trasladouse o aviso aos servizos de Bombeiros do Salnés e 061, que se desprazaron ao lugar do mesmo xeito que efectivos da Policía Nacional, Local e o Servizo Municipal de Emerxencias.
Os veciños puideron regresar ás súas casas unha vez extinguido o lume e comprobadas que as medicións de gases entraban dentro da normalidade.