O presidente de Portos do Estado cre que o de Marín seguirá gañando competitividade
Por Oskar Viéitez
O presidente de Portos do Estado, José Llorca, acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Jose Benito Suárez, realizou este luns unha visita ás últimas infraestruturas incorporadas á actividade portuaria, e que contaron con financiamento europeo no marco dos fondos de cohesión.
Llorca, que foi conselleiro na Autoridade Portuaria de Marín, mencionou expresamente a importancia das instalacións do ferrocarril, así como a mellora dos calados, obras estas últimas que permitirán ao porto ampliar liña de atracada e facilitar o acceso de buques de ata 50.000 GT, destacando que "todas estas actuaciones permitirán al puerto seguir ganando competitividad".
O presidente de Portos do Estado considera que o potencial do porto de Marín está na diversificación e que nos últimos anos "ha sabido aprovechar sus oportunidades", o cal levouno a experimentar crecementos de ata dous díxitos, e durante o primeiro trimestre deste ano segue mantendo a tendencia cun incremento do 11,8%.
Igualmente, o presidente da Autoridade Portuaria destacou que a cofinanciación europea permitiu reforzar "el papel que asume el Puerto de Marín como motor de competitividad y empleo en toda su área de influencia".
Durante o percorrido visitaron o Peirao Comercial Sur, o Peirao Comercial Oeste e a ampliación da rede ferroviaria interior. Estas infraestruturas, sumadas á execución da chaira do Peirao Comercial Oeste, os novos accesos á zona suroeste do Porto, a prolongación do Peirao Transversal, a adecuación de accesos terrestres, o novo edificio administrativo da Autoridade Portuaria e a remodelación e novo acceso ao subsector S.3.2 completan un orzamento de execución próximo aos 27 millóns de euros, 19 dos cales foron cofinanciados polos fondos de cohesión.
As principais actuacións executadas neste marco tiveron como principal obxectivo dotar á rada de novas infraestruturas, potenciar a intermodalidad portuaria, mellorar a accesibilidade terrestre, e aumentar a integración porto-cidade. Todo iso contribuíu a que o porto de Marín rexistrase un crecemento histórico nos tráficos anuais durante os últimos exercicios.