Augas de Galicia, disposta a estudar que a depuradora dos Praceres asuma o saneamento de Raxó e Samieira

Por Oskar Viéitez
O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, mostrouse disposto a estudar "se é viable técnica e economicamente" que a proxectada ampliación da depuradora dos Praceres asuma tamén o saneamento de Raxó e Samieira, evitando a construción da polémica EDAR nesta zona.
Roberto Rodríguez destacou que "esa cuestión ten moitos interrogantes que habería que despexar desde o punto de vista técnico" pero insistiu en que "por nós evidentemente non vai quedar".
En todo caso o director de Augas de Galicia considera que esta proposta de unificar toda a canalización de augas residuais de Poio cara á futura depuradora dos Praceres unha vez esta sexa reformada "é unha cuestión que pode ser obxecto de análise dentro do propio plan de saneamento local".
Roberto Rodríguez fixo estas declaracións este luns en Pontevedra nun encontro cos xornalistas antes de participar na reunión da comisión de seguimento do plan de saneamento local da ría.
Neste contexto tamén se referiu á denuncia presentada polo Concello de Poio contra Augas de Galicia para esixir que a administración autonómica constrúa a depuradora en Pampaído, algo que Roberto Rodríguez cualificou como "unha fuxida das súas propias competencias" por parte do goberno local.
"Que nos digan dentro do seu ámbito competencial onde queren que Augas de Galicia poña a disposición a depuradora", insistiu Rodríguez.
O director de Augas de Galicia lembrou que a Xunta propuxo "ata doce alternativas" para esa EDAR, e entre elas "sinalara tres como as máis idóneas, viables desde o punto de vista técnico e económico", que son as de Laño, O Covelo e Pampaído.
"Evidentemente unha delas está no concello de Sanxenxo que mostrou a súa oposición e polo tanto o que se lle dixo foi ao concello de Poio, que é o competente en materia de saneamento, que identificase unha parcela dentro do seu ámbito municipal", concluíu.
Roberto Rodríguez, director de Augas de Galicia
Augas de Galicia está disposta a estudar que a depuradora dos Praceres asuma o saneamento de Raxó e Samieira
© PontevedraViva
Relacionadas:
-
BNG e PSOE pactan impedir a ampliación da depuradora de Praceres mentres non se remate o Plan de Saneamento da Ría
Por Redacción |
-
Populares e socialistas debaten sobre a paralización das reformas dos portos de Covelo e Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Entidades parroquiais de Lourizán únense contra a ampliación da depuradora
Por Redacción |
-
A APDR e Marea Pontevedra rexeitan a ampliación da depuradora dos Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
Poio leva á Xunta aos tribunais pola depuradora: "Non nos deixan outra alternativa"
Por Alejandro Espiño |