Dous detidos en Pontevedra por compartir pornografía infantil a través de salas de chat
Por Redacción
Unha nova operación policial contra a pornografía infantil na internet provocou a detención de dúas persoas na cidade de Pontevedra. Segundo a Policía Nacional, ambos utilizaban un servizo de chat anónimo, cifrado e descartable -as conversacións bórranse automaticamente unha vez que finalizan- para intercambiar imaxes de abusos a menores.
Hai, en total, 17 detidos e outros sete investigados en toda España. A todos eles, incautóuselles un elevado número de arquivos que en ocasións estaban mesturados con outras prácticas de carácter sexual tamén extremas como bestialismo e zoofilia.
A investigación, que durou case dous anos, iniciouse grazas ao estreito contacto internacional con provedores de servizos da internet situados en todo o mundo e coas policías de diferentes países.
Dentro dos contactos, recibíase de forma regular unha inxente cantidade de información fragmentada acerca de servizos de chat anónimos, cifrados e descartables que permiten crear salas ás que se pode acceder baixo invitación e cuxo contido se destrúe unha vez que todos os presentes deixaron a conversación.
Os investigadores tiveron que realizar un minucioso labor de intelixencia para recompoñer información fraccionaria -datos que en principio non son relevantes pero que tras o seu cruzamento e estudo minucioso revelan información crave para a investigación- e identificar os autores.
Grazas ás xestións practicadas púidose agrupar información relativa a 24 persoas que compartirían arquivos ilícitos a través destas salas de chat. Unha vez situados os diferentes autores solicitouse a colaboración de diferentes persoais para levar a cabo as correspondentes entradas e rexistros e as detencións oportunas.
O principal investigado, polo volume de arquivos ilícitos que transmitía a outros individuos, foi detido en Sevilla, desde onde compartía as imaxes ilícitas con outro cidadán da mesma provincia e que tamén foi detido.
Tamén é rechamante o caso dun home de Alacante que gardaba centos de imaxes e vídeos de contido pornográfico infantil, consistentes en abusos sexuais a menores de idade, algúns deles de moi curta idade, ou especialmente degradantes.
Este mesmo tipo de imaxes interviñéronse ao home arrestado en Xaén, un home español de corenta anos que estaba en posesión de case 20.000 arquivos desta temática. Doutra banda, en Cataluña localizouse a outras cinco das persoas investigadas nesta operación, todos eles cun número moi significativo de arquivos de contido ilícito.
En Cáceres os axentes detiveron un home de corenta anos ao que se incautou unha memoria USB que albergaba máis de 8.500 fotografías de abusos sexuais de menores.
Varios dos arrestados usaban ademais navegadores da chamada deep web ou Internet profunda, o que esixiu unha investigación moi especializada e minuciosa que permitiu a detención dos responsables.
Relacionadas:
-
Un pontevedrés, detido por distribuir pornografía infantil a través das redes sociais
Por Redacción |
-
Deteñen un veciño de Vilaboa por tenencia e distribución de pornografía infantil e corrupción de menores
Por Redacción |
-
Detido un monitor de tempo libre en Pontevedra por distribuir pornografía infantil
Por Redacción |
-
Condenado a máis de 15 anos de cárcere por enganar 45 menores para obter imaxes sexuais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada