'Cazan' in fraganti un ladrón que entrou no antigo edificio da Xunta pola xanela tras saltar un valo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os viandantes que pasaban pola rúa Benito Corbal sobre as 15.00 horas deste domingo 20 de maio sorprendéronse ao ver como un axente da Policía Nacional apartaba unha dos valos de obra que protexe o antigo edificio da Xunta de Galicia, subía por unha estada e entraba no inmoble a través dunha xanela. Estaban a presenciar unha intervención na que finalmente os policías lograron deter a un ladrón que estaba no interior roubando cable de cobre.
Segundo informou a Policía Nacional, un cidadán acudiu á Comisaría para alertar da presenza dun individuo no interior do edificio. Esta testemuña relatou que a persoa en cuestión saltou o valo de protección e accedeu ao interior do edificio empolicándose a un colector de obra.
Ao lugar dirixiuse inmediatamente unha patrulla da Policía Nacional e foi aí cando o axente, ao ter coñecemento da presenza dun presunto ladrón, escalou estada arriba ata entrar no edificio, segundo relataron testemuñas presenciais.
Segundo fontes policiais, sorprendeuno no interior do edificio xunto a unha cantidade considerable de cableado de cobre que se está a empregar nas obras de rehabilitación do edificio.
Os axentes policiais detivérono nese momento por un delito de roubo con forza. Trátase dun veciño de Pontevedra de 49 anos de idade con antecedentes policiais.