A Deputación abordará nunha xornada o Pacto de Estado contra a violencia de xénero
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que o vindeiro 7 de xuño o castelo de Soutomaior acollerá a xornada "Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión" no marco da programación impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals.
Carmela Silva explicou en rolda de prensa que a xornada contará coa presenza de "voces de mulleres moi relevantes no panorama nacional" co obxectivo de achegar o pacto á realidade municipal, ás persoas que no ámbito local traballan coas vítimas da violencia machista e tamén "queremos reivindicar que este Pacto de Estado é papel mollado e que sen recursos, sen financiamento, non pode saír adiante".
A xornada comezará ás dez da mañá coa conferencia "Sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado" impartida por Ángeles Álvarez, "militante feminista, unha das fundadoras da Rede Estatal contra a Violencia de Xénero e unha das grandes protagonistas das medidas que inclúe o Pacto de Estado" segundo informou a presidenta provincial.
Ás 12.00 terá lugar a mesa redonda "Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Análise desde o ámbito xurídico e social" na que participarán Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e ex vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial onde presidiu o Observatorio contra a Violencia de Xénero e a Comisión de Igualdade, e Marisa Soleto, directora da Fundación Mujeres e compoñente do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.
Pola tarde terán lugar tres obradoiros temáticos. Neste eido, haberá un obradoiro sobre xustiza titulado "Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición da xustiza equitativa", a cargo de Gloria Poyatos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas; outro sobre imaxe, "Cambiar as imaxes para cambiar o mundo", de Yolanda Domínguez, artista visual e experta en comunicación e xénero; e outro sobre atención primaria denominado "A atención primaria e o seu compromiso ante a violencia de xénero" a cargo da médica de atención primaria Rosana Izquierdo, responsable do grupo sobre violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.
"Este Pacto de Estado é papel mollado e que sen recursos, sen financiamento, non pode saír adiante"
A xornada será clausurada ás 18.30 coa conferencia "Pacto de Estado. E agora que?" impartida pola maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo Mª Paz Filgueira.
UNHA CARA OCULTA DA VIOLENCIA DE XÉNERO
A presidenta aproveitou a ocasión para anunciar que estaban esgotadas as prazas para participar na xornada "Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero" que terá lugar o vindeiro sábado, 26 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A xornada, organizada pola Deputación, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, achegará a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e na adolescencia como María M. Álvarez Lires, Ángeles Parrillo, Azucena Arias, Daisy Alcalde, Iria Vázquez, Sonia Vaccaro, Mariví Fernández, Lola Ferreiro, Paz Filgueira e Estrela Gómez.