A Deputación sortea as prazas para os campamentos da Lanzada
Por Redacción
O Pazo Provincial será escenario o vindeiro martes 22 de maio do sorteo das prazas do programa 'Depo Aventura', que se desenvolverá entre os meses de xullo e setembro no campamento da Lanzada.
En total 2.200 prazas que ten dispoñibles este programa, cunha alta demanda como reflicten as máis de 3.500 solicitudes recibidas este ano.
Unha vez realizado o sorteo das prazas adxudicadas, os resultados dispoñeranse na páxina web www.depo.gal. Ademais durante o mércores 23 de maio as familias, mediante SMS, serán informadas da quenda que lle corresponde aos seus fillos e fillas.
Para este verán organizáronse 11 quendas, con 200 prazas cada unha, coa finalidade de dar cabida na Lanzada ás 2.200 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos. Delas 300 son gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social.
Unha vez realizado o sorteo e publicadas as prazas, abrirase un prazo para que as familias poidan presentar reclamacións, segundo informa a administración provincial.
A primeira das quendas do campamento prevista celebrarase do 24 ao 30 de xuño, e a última entre os días 2 e 8 de setembro.