A Festa do Codillo bate o seu récord de asistencia
Por Redacción
A XVIII Festa do Codillo da Lama resultou un éxito rotundo este domingo 20 de maio.
A celebración bateu todos os récords e media hora antes da repartición das racións xa esgotara as 1.000 prazas existentes para degustar as racións de codillo estofado con patacas asadas e guarnición de chícharos e cenorias ao prezo de 10 euros, con dereito tamén a un prato conmemorativo de barro, os cubertos, pan e viño a demanda.
O bo tempo e a afluencia masiva de persoas comprobouse a primeira ollada nos asentos habilitados debaixo de dúas carpas xigantes que cubrían todo o recinto da praza, tendo que habilitar os operarios municipais varias mesas para dar cabida ao gran número de persoas que se deu cita.
Entre eles atopábanse diversos personaxes públicos como a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns; Santos Héctor, en representación do goberno da Deputación; o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez; o vicepresidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, José Balseiro; o secretario xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra, David Regades, así como Enrique Vaqueiro e varios responsables socialistas da comarca ademais do alcalde da Lama, Jorge Canda, entre outros.
O propio alcalde explicou que "este ano habilitamos máis mesas e bancos para poder atender a gran demanda de xente que previamos ía rexistrarse".
"Nesta ocasión cumpríronse sobradamente as expectativas e creo que mantivemos moi alto o listón para próximas edicións confirmando que o codillo é a raíña das festas gastronómicas que se celebran na comarca" eloxiou Canda tras o evento.
Un exposición de traballos de encaixe de palillos, un concurso-exposición de 'Espantallos da Ruta do Río Barbeira', baile e música completaron unha xornada de festa ao grande na Lama, na que tamén se aproveitou para poñer en marcha unha campaña divulgativa sobre reciclaxe.
Relacionadas:
-
Unha Festa do Codillo de récord na Lama
Por Redacción |
-
Todo listo para degustar codillo na Lama o domingo 9 de xuño
Por Redacción |
-
A exaltación ao Bolo de San Martiño en Borela pecha as festas gastronomicas no municipio
Por Redacción |
-
A Lama ampliará a Festa do Codillo para dar cabida a máis xente
Por Redacción |
-
Todo listo na Lama para unha Festa do Codillo que alcanza a súa maioría de idade
Por Redacción |