Denuncian que un paciente leva dúas semanas en Montecelo á espera dunha resonancia para ser operado
Por Redacción
Un veciño de Marín de 64 anos, que sofre unha lesión de costas e artrose, quedaba inmobilizado no seu domicilio a primeiros deste mes e foi necesario trasladalo ao servizo de Urxencias de Montecelo. Alí foi derivado a Traumatoloxía onde avaliaron a posibilidade de que fose intervido cirúrxicamente.
Para esta operación era necesario que se lle practicara unha resonancia magnética para coñecer a análise do departamento de Radioloxía sobre o diagnóstico. Desde hai 15 días mantense á espera desa proba sen que ninguén lle explique os motivos polos que non se leva a cabo.
O paciente sofre dor e está sendo sedado con calmantes cada seis horas. Segundo relata a súa filla Laura, atópase practicamente sen mobilidade na cama da súa habitación na planta do servizo de Traumatoloxía de Montecelo.
"Se levanta para ir al baño y con mucho dolor", indican os seus familiares, que presentaron unha reclamación en Atención ao Paciente do Complexo Hospitalario de Pontevedra sen recibir unha resposta por parte da xerencia. Por este motivo, nas últimas horas, trasladaron dous novos escritos de reclamación ante a Consellería de Sanidade e no Servizo de Atención ao Cidadán e ao Paciente do Sergas.
Tampouco lle ofreceron opcións de traslado a outro centro hospitalario, xa sexa público ou privado. Os familiares indican que se seguen a practicar resonancias a outros doentes ingresados en Traumatoloxía e que a única escusa que lles transmitiu un facultativo é que "urgencias hay muchas".
Ante esta situación intentaron manter unha conversa directa cun representante da xerencia dos hospitais de Pontevedra. O intento quedou en nada porque, segundo lles indicaron, os responsables atópanse "de ponte".
Relacionadas:
-
RADIO.- "Os hospitais non se paralizan no verán. Traballamos co persoal que dispoñemos e priorizamos intervencións"
Por Marisa Ciordia |
-
Protesta na rúa polo peche de camas estival nos hospitais públicos
Por Redacción |
-
Os familiares dos pacientes serán avisados por SMS da evolución das súas operacións
Por Redacción |