Todo listo na Lama para unha Festa do Codillo que alcanza a súa maioría de idade
Por Redacción
Preto de mil comensais. É a asistencia que esperan os organizadores da décimo oitava edición da Festa do Codillo da Lama, que se celebrará este domingo 20 de maio en dúas grandes carpas que xa se instalaron na alameda da localidade.
Todos eles degustarán o codillo na súa preparación estofada, con patacas e guarnición de patacas asadas, cenorias, chícharos e champiñóns, prato que foi escollido polos membros do xurado na cata realizada hai uns días.
Cada ración terá un prezo de dez euros e van acompañadas de pan e viño, así como un prato de barro e servizos co fin de poder favorecer a degustación deste manxar que desde hai anos homenaxéase e exalta na alameda da Lama.
A xornada estará amenizada pola música e o bo humor da charanga Os Encerellados e o grupo de música popular Os Catro Ventos que animarán o evento durante toda a mañá e tamén na sobremesa co fin de axudar a que os asistentes poidan facer mellor a dixestión a través do baile.
Como vén sendo habitual, na contorna da Praza da Pedreira colocaranse postos de artesanía popular así como de doces tradicionais galegos como as saborosas filloas de Valongo e outras ofertas culinarias complementarias do propio codillo.
Esta festa gastronómica coincide coa celebración do Concurso-Exposición de Espantallos na Ruta do Río Barbeira que na súa oitava edición desenvolverase ata o 2 de xuño polas beiras deste afluente do río Verdugo, máis concretamente ata o lugar de Ponte San Lourenzo, na parroquia de Escuadra.
As orixinais creacións tamén son un aliciente para complementar esta xornada gastronómica xa que o circuíto onde están situados os espantallos iníciase na contorna da praia fluvial do Verdugo, moi próxima á Alameda da Lama.
Por outra banda, no salón multiusos da Lama os participantes nos cursos de cestería e encaixe de palillos farán unha exposición dos seus traballos ao longo de toda a xornada en horario de 11 a 18 horas. Así, terá lugar ás doce do mediodía unha exhibición de "palilleiras" e "cesteiras" para que o público en xeral poida gozar desta actividade artesanal.