Catro novos terremotos, o maior de magnitude 3.2, sacuden Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño
A actividade sísmica detectada nos últimos días non cesa. Catro novos terremotos, tres deles en Ponte Caldelas e un cuarto no Toural (Vilaboa), volveron a facer tremer á comarca de Pontevedra durante esta pasada madrugada.
O de maior magnitude, rexistrado ás 07.13 horas, alcanzou os 3.2 graos na escala Ritcher e, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), tivo epicentro en Rebordelo (Ponte Caldelas) e foi sentido pola poboación tanto do municipio como de concellos próximos como Pontevedra, Poio, Marín, Barro ou Sanxenxo.
O 112 Galicia confirmou que, tras rexistrarse este tremor, recibiu varias chamadas de veciños de Ponte Caldelas e Salcedo (Pontevedra) que aseguraron sentir como se movía o chan. En todo caso, o terremoto non produciu danos materiais nin persoais.
Os outros tres tremores foron de 2.9 graos (O Toural, 03.07 horas), 2.7 graos (Ponte Caldelas, 03.18 horas), ambos tamén perceptibles para os veciños, e un último de 1.9 graos, tamén en Ponte Caldelas, de 1.9 graos ás 05.02 horas.
Este novos catro terremotos producíronse despois do "enxame sísmico" que deixou ata 32 sacudidas entre a tarde do martes e a madrugada do mércores.
Os sismólogos do IGN, en todo caso, mandan unha mensaxe de tranquilidade á poboación, xa que na comarca non consta a existencia dunha falla tectónica que poida orixinar un terremoto que sexa considerado perigoso, que sería a partir dunha magnitude de 5 graos.
Os movementos rexistrados na comarca, engaden, "entran dentro do normal" dos tremores que sempre houbo nesa zona, aínda que recoñecen que non existe constancia de "unha serie tan continuada" como a que se produciu estes días e que ten unha duración "impredicible". Vaticinan en todo caso que "non durará moito".
Relacionadas:
-
Dous novos tremores elevan a dez os episodios sísmicos no Salnés
Por Redacción |
-
O Grove, sacudido por un terremoto de 2.8 graos
Por Alejandro Espiño |
-
Marín rexistra un pequeno terremoto de magnitude 2,6
Por Oskar Viéitez |
-
Un "enxame sísmico" fai tremer a comarca de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Un terremoto de 2,6 graos déixase sentir en Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño |