Un mes de grandes tapas en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño
Trinta e dous establecementos de hostalería de Sanxenxo participarán, a partir deste xoves 17 de maio, na novena edición de Sanxenxo Degusta Tapas, un certame gastronómico que ofrecerá exquisitas propostas culinarias en pequenos bocados.
O certame celebrarase ata o 10 de xuño. Os petiscos, divididos en tapas tradicionais, creativas e doces, serviranse ao mesmo prezo doutras edicións: dous euros, máis a consumición de bebida aparte.
Este ano, segundo destacou o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, Sanxenxo Degusta Tapas volve ao seu formato orixinal e, a diferenza das dúas semanas da edición pasada, alcanza o mes de duración.
Tanto os locais como o público, explicou, pediron ampliar o tempo de duración porque "son tantos locais que non daba tempo a completar toda a ruta", dixo Sueiro.
O goberno municipal destaca que se trata dun concurso "plenamente consolidado" na comarca e, a este respecto, confían nunha gran asistencia de veciños de Sanxenxo e dos municipios dos arredores.
Os locais participantes son: A Batea, A Taberna do Varadoiro, Aldapa Arca, Bar El Puente, Casa Román, Cervecería Azor, Cova de Ons, Dukes, Gabbá Sanxenxo, Hotel Rotilio, Jaco's Bar, Kannion Surf, La Cueva La Portonovesa, Lilaino, Mar do Pintor, Mesón Fontán, O Aserradero, O Forno, O Rincón dos Barcos, O Son do Mar, Ollares da Ría, Pepa A Loba Portonovo, Restaurante Fidel, Restaurante Tritón, Restaurante Xerfa, Salgadoiro Gastroteca, Taberna A Codia, Taberna Arca, Taberna Viña Pedreira, Tapería Todoababor e Terraza del Mar.
Serán dous os xurados que avalíen as tapas, un popular e un profesional, e outorgarán premios á mellor tapa tradicional, a mellor tapa creativa e a mellor tapa doce.
Para emitir o seu voto o público deberá visitar polo menos cinco establecementos, podendo participar así, nos sorteos e agasallos que se entregarán ás persoas que se acheguen a degustar as tapas.
Ademais, Turismo de Sanxenxo emprenderá diferentes accións de difusión do certame, de maneira que os participantes aparecerán nos folletos, carteis e "degustamapas". Terán tamén unha presenza destacada na web municipal e nas redes sociais.