A Escola Naval invita a todo Marín a celebrar o seu 75 aniversario
Por Redacción
Desde 1943, Marín é o fogar da Escola Naval Militar. Chegou o momento de celebrar o seu 75 aniversario e, para iso, o centro ultimou unha ampla programación de actos, abertos a toda a cidadanía, coa que a Armada busca agradecer ao municipio o bo trato dispensado ao longo de todos estes anos.
Os actos, que foron presentados este mércores no Concello, celebraranse os días 1, 2 e 3 de xuño.
O venres 1 de xuño, a partir das 11.00 horas, terá lugar a segunda edición da carreira escolar "Botón de Ancla" para alumnos dos colexios da comarca, na que se espera a asistencia de máis de 1.000 escolares e que terá como escenario e parte integral do percorrido tanto a propia Escola Naval como as rúas de Marín.
Ao finalizar as súas respectivas probas, os nenos serán acompañados ao campo de deportes da Escola Naval, onde se habilitará unha zona de lecer situada no céspede con atraccións inchables e unha área de actividades lúdico-deportivas.
Ao día seguinte, sábado 2 de xuño ás 12.45 horas, terá lugar o acto central da celebración do 75 aniversario do establecemento da Escola Naval Militar en Marín, cun acto castrense para o que se poderán recoller as invitacións ata o 29 de maio.
No transcurso do acto, está previsto que o Concello de Marín doe unha nova bandeira á Escola Naval, que a partir de entón será utilizada en todas as cerimonias relevantes do centro castrense.
O domingo 3 de xuño, por último, terá lugar unha xornada de portas abertas polo interior da Escola Naval, incluíndo diversas actividades lúdico-deportivas para os visitantes máis novos e visitas guiadas ao simulador de navegación, planetario, biblioteca central e pañol histórico, todo iso en horario de mañá desde as 10:00 ata as 13:00 horas.
Ademais, dous dos buques máis modernos da frota recalarán na ría. Trátase da fragata Canarias e do buque de acción marítima Relámpago. Este último, atracará nos peiraos da Escola Naval e poderá visitarse no mesmo horario que a xornada de portas abertas.
O mesmo domingo pola tarde, ás 19:00 horas, pecharase a conmemoración do establecemento da Escola Naval en Marín cun concerto da súa banda de música na praza de Rosalía de Castro da Alameda de Marín.
Relacionadas:
-
Ignacio Cuartero Lorenzo toma o mando como novo comandante director da Escola Naval de Marín
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Entrega de despachos sen Rei, sen ministra nin Elcano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Marín despide os alumnos da Escola Naval que conclúen a súa instrución
Por Redacción |
-
Bará critica que a Escola Naval "adestre" escolares no uso das armas
Por Redacción |
-
A Escola Naval Militar celebrará en xuño o 75 aniversario da súa chegada a Marín
Por Redacción |