A Policía Nacional desarticula unha organización criminal vinculada ao tráfico de cocaína
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional desarticulou unha organización criminal tras a interceptación de máis de 14 quilos de cocaína e a detención de once integrantes da mesma. A droga era escondida en sofisticados compartimentos dos vehículos que chegaban a Mallorca desde Galicia.
No marco da denominada "Operación Yunque", durante os meses de abril e maio do ano en curso e nas localidades de Ses Salines e Llucmajor, en Mallorca e Vilagarcía de Arousa, procederon á desarticulación dunha importante organización de ámbito internacional vinculada ao tráfico de cocaína, integrada principalmente por individuos de orixe galega que operaban en Mallorca.
A organización agora desmantelada recibía importantes partidas de cocaína no sur de Andalucía, desde onde era transportada ata Vilagarcía e introducida en vehículos debidamente preparados con sofisticados compartimentos ocultos para o seu posterior traslado á illa de Mallorca.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, nunha primeira fase de explotación da "Operación Yunque", o pasado once de abril do ano en curso, axentes da Policía Nacional interceptaban en Mallorca dous vehículos minuciosamente preparados, que ocultaban no seu interior sete paquetes contendo algo máis de sete quilogramos de cocaína, despois de entrar en Palma por vía marítima.
Simultaneamente, e en coordinación con axentes do mesmo corpo policial en Galicia, interceptábase outro vehículo en Pontevedra con máis de sete quilogramos de cocaína ocultos no seu interior, procedéndose á detención do seu condutor.
Do resultado das intervencións anteriores, os investigadores provistos dos pertinentes mandamentos xudiciais levaron a cabo diversos rexistros domiciliarios nas localidades mallorquinas de Ses Salines, Manacor e Llucmajor, onde se incautaron de dez vehículos, algúns deles preparados con compartimentos ocultos para o transporte de cocaína e outros en fase de preparación, ademais do achado de 100.000 euros e a detención de seis persoas, unha delas de nacionalidade brasileira e o resto de orixe galega, a maioría deles con antecedentes por tráfico de drogas.
Iniciada a segunda fase de explotación da investigación, o pasado luns día 14 procedíase á realización de cinco rexistros domiciliarios en Vilagarcía de Arousa, en cuxo transcurso foron intervidos 600 gramos de cocaína e detívose a catro individuos, tres de orixe galegos e con antecedentes policiais por tráfico de droga e unha muller de nacionalidade brasileira.
A investigación agora finalizada culmina coa completa desarticulación da rama ou "sucursal" galega afincada en Mallorca e integrada na organización internacional de tráfico de cocaína, tras a intervención de máis de 14 quilogramos de cocaína, 11 vehículos, 126.000 euros, 300 gramos de haxix e a detención de 11 dos seus integrantes.