Preto de 40 estudantes estadounidenses realizarán prácticas de verán no CHOP
Por Oskar Viéitez
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra deu a benvida esta semana á primeira quenda dos case 40 estudantes de Pre-Medicina, procedentes de Estados Unidos, que ata o vindeiro mes de xullo realizarán prácticas universitarias nos centros sanitarios de Pontevedra.
Por terceiro ano consecutivo, a formación destes alumnos universitarios de Pre-Medicina na cidade do Lérez é posible grazas ao Proxecto Atlantis, un convenio de cooperación educativa asinado en 2015 entre o Servizo Galego de Saúde e St Mary's Institute for Educational Excellence, situado en Carolina do Norte, para a realización de prácticas de observación de alumnos de universidades de Estados Unidos e Canadá en centros dependentes do Sergas.
O xefe de sección do servizo de Pneumoloxía do complexo pontevedrés, o doutor Adolfo Baloira Villar, foi o encargado de dar a benvida á primeira quenda de doce alumnos que, durante tres semanas, rotarán en parellas por diferentes servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Durante o período de formación nos centros pontevedreses, os estudantes non realizarán ningunha actividade médica ou sanitaria, pois a súa participación no programa está limitada á mera observación para que coñezan de primeira man o traballo que realizan os profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra e poidan profundar na súa vocación médica, ademais de vivir unha experiencia persoal enriquecedora dende o punto de vista cultural.
Os alumnos que veñen de iniciar este programa de formación en Pontevedra están a piques de entrar na facultade de Medicina, logo de concluír un grao universitario e aprobar un exame de acceso que realizarán proximamente. É por isto que deberán compatibilizar as súas prácticas no complexo hospitalario co curso de preparación para o exame, de aí que veñan acompañados dun mestre.