Seis detidos e incautados sete quilos de heroína noutra operación contra o narcotráfico en Cambados y Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, felicitou ás forzas de seguridade por unha nova operación contra o narcotráfico, a segunda de envergadura nesta semana, desenvolvida nas últimas horas en Sanxenxo e Cambados.
Nesta ocasión detívose a seis persoas e incautáronse sete quilos de heroína e vinte de material de corte co que a rede adulteraba a substancia psicotrópica.
Segundo fontes da investigación, dous dos detidos son galegos, dous portugueses, un turco e un holandés.
No operativo participaron o grupo 2 da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional en Pontevedra, o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil, o Servizo de Vixilancia Aduaneira e forzas de seguridade chegadas desde Portugal
Segundo Santiago Villanueva, esta operación contra o tráfico de heroína "pone coto a la entrada de esta droga tanto en el mercado gallego como a nivel internacional".
O xulgado de instrución número 3 de Cambados declarou o segredo desta causa da que transcendeu os rechamantes rexistros practicados este martes en Sanxenxo, concretamente, nunha vivenda do lugar de Gondariño, en Vilalonga.